martes, 29 de outubro de 2019

A vida no colexio canadiense II 🇨🇦

Hello everybody!

Seguimos en Ottawa cun tempo estupendo, chegando a acadar os 17º estes días. Aínda non chegou a neve, pero espero poder vela antes de volver a España.
A semana pasada rematei o meu paso pola aula de 1st & 2nd grade, cos que me tocou facer un simulacro de evacuación do autobús escolar. Aquí en Canadá non hai monitores de autobús, polo que soamente vai o conductor con eles. Isto implica que, se hai unha emerxencia e este resulta ferido, os nenos e nenas teñen que tomar o control da situación por pequenos que sexan: avisar por radio, cortar o cinturón do conductor...
Os simulacros tómanse moi en serio.

A seguridade nas escolas é algo que está moi presente, chegando a evitar facer certos xogos en educación física por falta de elementos protectores. Por exemplo, non poden xogar ao bádminton se non usan lentes protectoras...



Esta semana estou na clase de 5th & 6th grade. Onte xa puiden comprobar que a clave aquí é o tratamento das emocións, o autoconcepto, a autoestima... As necesidades do alumnado están por enriba de todo e calquera  actividade é boa para reflexionar sobre o respecto mutuo.
Por exemplo, onte na clase tiñan un pre-test de matemáticas e a mestra díxolles que como xa levaban unha sesión de clase, podían tomar un snack. E alí  estaban comendo un bocata mentres facían o test! Teñen moi en conta que o cerebro necesita enerxía para ter un bo rendemento e por iso os deixan comer cando o precisan.





Pero non todo é diferente ao noso sistema. Eles non teñen Edixgal, pero si teñen caixas de carga con portátiles en todas as aulas. Onte, por exemplo, os rapaces e rapazas de sexto estaban a investigar cada un sobre unha ONG para posteriormente facer un discurso sobre a mesma, de maneira que saia unha delas escollida nunha votación, pasando despois a facer unha recollida de donativos para a ONG elexida. Un claro exemplo de Aprendizaxe por servizos.
A comunidade e a cidadanía son aspectos clave da educación en Canadá.








Ningún comentario:

Publicar un comentario